Tributación dos ingresos por cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares.

Facenda indica que “Cualifícanse como rendementos do traballo os rendementos derivados de impartir cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares, sempre que ditas actividades non supoñan a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, nese caso cualificaranse como rendementos de actividades económicas.”

É habitual que traballadores por conta allea (cotizando no Réxime Xeral da Seguridade Social) interveñan en cursos e conferencias activamente ou como moderadores, recibindo unha retribución por ese traballo.

Entón, son percepcións do traballo ou rendementos de actividades económicas?

Ben, nalgúns casos non vai ser fácil facer a distinción, pero a Axencia Tributaria considera que serán retribucións de actividades económicas as que cumpran coas seguintes características:

1.- Cando o perceptor organice con medios propios estes cursos ou conferencias.
2.- Cando o perceptor corra cos riscos da organización e celebración dos cursos e conferencias.
3.- Cando o perceptor participe directamente dos beneficios dos citados cursos e conferencias.

Da consideración da citada retribución, ben coma rendementos do traballo ou ben como rendementos de actividades económicas, dependerá a forma de tributar e os seus requisitos formais.

No caso de tratarse dunha percepción do traballo estará suxeita a unha retención fixa do 15%1 por parte do pagador. Formalmente, unicamente será necesaria a sinatura ou entrega dun recibín (nunca factura e nunca con IVE) onde estea indicados os datos da percepción, da retención e o concepto da mesma.

Serán obrigacións de quen paga practicar a correspondente retención do IRPF ao tipo fixo do 15%, ingresar esta retención a través do modelo 111 como rendemento do traballo e, ó final do exercicio, presentará a declaración informativa co resumo anual de retencións, modelo 190. Mentres o conferenciante incluiraas como percepcións do traballo na súa declaración da renda, e deducirá as retencións.

Pola contra, no caso de tratarse de rendementos de actividades económicas, a cousa cambia bastante: o perceptor terá a obrigación de emitir unha factura, conforme á lexislación vixente (regulamento de facturación), aplicándose a retención de IRPF, e repercutindo o correspondente IVE.

Para isto, necesariamente deberá estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e inscrito no Réxime Especial de Autónomos, xa que aínda que traballe por conta allea e xa cotice no Réxime Xeral, ambos non son incompatibles. Isto pode facer que se é unha actividade esporádica, non sexa rendible en modo algún polos gastos que xera.

Como se pode observar, a tributación con percepción do traballo é moito máis sinxela e menos formalista, se ben haberá que estar seguros de non cumprir ningún dos requisitos anteriormente mencionados na consideración da Axencia Tributaria.

Xunto indicamos como sería un modelo para estes recibos:

****

D.ª (nome da colaboradora ou colaborador)
Con domicilio en (importante indicar os datos completos, en especial código postal e provincia)
Con DNI/NIF nº (indiquen o número e letra do DNI)
Recibe en concepto de gratificación pola súa colaboración coa entidade (poñer o nome completo da entidade e o seu NIF) en cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares, organizados pola entidade os días (indique as datas de celebración)

Gratificación Bruta: 100,00 €
Retención 15%: -15,00 €
TOTAL LÍQUIDO: 75,00 €

Esta cantidade será ingresada na conta de (colaborador) número:
ES00 0000 0000 0000 0000 0000

En Vigo a (data)
Asina (o colaborador)

****

Séguenos en https://www.facebook.com/FLConsultoresAISF

1 Art. 80.1.4º RIRPF e 101.3 LIRPF (no exercicio 2023)