O goberno do ínfimo. (Artigo de opinión)

Cada cambio de partido no goberno implica un cambio de logotipos.
Sen facer unha valoración da idoneidade ou da calidade do traballo de deseño, parece que cada cambio político no goberno dunha institución significa o cambio de símbolos da Administración. Pero curiosamente seguen denominando o tema como “imaxe corporativa”, sen ter en conta que fai falta moito tempo e constancia para que as “imaxes” cheguen a ser recoñecidas como “corporativas”.

Pero a Administración non é dun partido, pola contra, é de tódolos cidadáns e o obxectivo principal da imaxe corporativa debería ser a comunicación institucional do ente, co propósito de que o cidadán constrúa na súa mente unha identidade e que esta coincida cos obxectivos ou territorios desta administración e que facilite con claridade a identidade do ente público.

Así, os cambios cada catro anos dos logotipos non crean “imaxe corporativa das entidades públicas”, pola contra o que xeran é unha equivalencia do deseño cun partido político.

Os responsables políticos, que sen ponderar adecuadamente os recursos económicos desviados a oficinas gráficas (que tamén significan o cambio de rotulación de vehículos, edificios, etc.) e sen ter en conta que a fonte de financiamento é aportada por todos nós cos nosos impostos, son os culpables de que os escasos recursos públicos non cheguen a servizos de primeira necesidade para, pola contra, divertírense en tristes fotos con efémeros novos deseños reflectindo os seus ínfimos mandatos.